7 Marzo 2006
O venres pasado fixen unha pequena cea. Non tiña moi claro que facer, pero sabía que quería algo lixeiro. Lembrei o tumbet mallorquín, pero non tiña a receita a man.
Improvisei e non quedou nada mal; pero para non deshonrar a este prato mallorquín, voulle chamar "deitado galego". Gostou bastante e quedei en publicar a receita. Aí vai.
1 berenxena cortada en rodas grosas
2 patacas de bo tamaño en rodas grosas.
1 1/2 cebola en rodas grosas.
1 pemento vermello en tiras.
Tomates, cebola, cenoria, sal, azucre e aceite para facer un mollo de tomate.
Salgamos a verdurda e dispoñemos por capas nunha fonte de forno as patacas, a berenxena, a cebola e mailo pemento. Engadimos un par de culleradas de aceite de oliva. Tapamos con papel de aluminio e deixamos no forno 30-40 minutos co lume por abaixo. As patacas deberían dourarse lixeiramente.
Mentras tanto, facemos o tomate fritido (podemos utilizar unha boa marca, se somos preguiceiros).
Sacamos do forno e botamos o tomate fritido por enriba. Deixamos repousar ata que estea morno e dámoslle a volta nunha prata.
Espero que os cociñeiros mallorquíns non se ofendan por esta "interpretación" do tumbet.
Que aproveite quen eu me sei ;-)
servido por Rodrigo
1 comentario
compártelo
7 Marzo 2006
Pensei que a racha de cocidos acaba co antroido, pero non. Este domingo houbo en Mazaricos a VIII Festa do bolo do pote, que é unha desculpa para encherse de novo de grelos, patacas e cachucha.
O bolo está feito de fariña de millo e caldo. Despois cada cociñeira engádelle o que lle pete (touciño, cebola, etc.) e se coce co resto do cocido.
A min pareceume un sabor moi americano, como o as tortillas de millo mexicanas ou dos tamales. Mira que hai millo no país, pero nunca asociara ese sabor tan característico con ningún prato da nosa cociña.
Falamos coa xente sobre o bolo e víanse moi concienciados de que había que recuperar estas receitas que se están botando a perder; pero facendoo unha vez ao ano non pasará de ser unha anécdota.
servido por Rodrigo
3 comentarios
compártelo
24 Febrero 2006
Outro ano sen ir a Xinzo e Laza... aproveitarei este Antroido para cociñar algo tradicional. Hai aproximadamente 9 anos que non fago orellas; coido que xa vai sendo hora!
E que non falte o cocido. Pasádeo ben estes días!!
servido por Rodrigo
5 comentarios
compártelo
9 Febrero 2006
Onte pola noite fun un ratiño de pesca á ría de Corcubión. Con sorte entraba algunha faneca para comer enfariñada e fritida pola mañá. Encántanme os almorzos contundentes.
As veces lembro eses peixes á grella, con zaragallada de limón e cebola como acompañamento ,que ceaba Tamba en Yoff-Tonghor, un pobo ao norte de Dakar.
Non entrou nada, pero descubrimos onde conseguir romeu fresco en Corcubión: nun xardín dunha comunidade de veciños.
De primeiras parece pouco cívico, pero ¿hai mellor fin para unha poliña de romeu que rematar xunto a un coello ou cordeiro?
servido por Rodrigo
2 comentarios
compártelo
6 Febrero 2006
Hoxe vin unha viradeira de plástico, pero ¿quen quere estragar unha tortilla dándolle a volta cunha peza de plástico?
servido por Rodrigo
1 comentario
compártelo
31 Enero 2006
Hai dous días pasou Pablo pola Coruña. Foi de compras e trouxo un paquete para preparar fainá.
A fainá é unha torta feita con fariña de garbanzos, que se toma morna ou fría. Como desfruto cando alguén me aprende un novo prato!!
A masa pode conseguirse en Cambalache.
servido por Rodrigo
1 comentario
compártelo
27 Enero 2006
As veces os días dan un xiro inesperado. Onte comenzou como calquer xornada laboral, con poucas perspectivas gastronómicas por diante. Pero hoxe tiña que estar en Cee e decidín vir para A Costa da Morte pola noite.
Non sei moi ben a razón, pero tiña ganas de patacas de Coristanco. Así que chamei a Eduardo para que prepara unhas simples patacas fritidas para cear (con botellas de viño, por suposto). Cando cheguei a súa casa non había patacas; atopeino facendo tempura, xa co queixo e o viño preparado para abrir o apetito.
O tempura é un prato tan delicado que nunca o pediría na meirande parte dos sitios. Non é raro que che sirvan verdura envolta nunha masa enchoupada en aceite, pesada, basta e moi indixesta; Esta, por sorte, foi todo o contrario: unha cobertura con volume, moi lixeira e crocante, coas verduras case crudas aportando o contraste de frescor preciso. Unha delicia.
E digo eu ¿non é luxo acabar un xoves na Costa da Morte ceando tempura cos amigos? por moitos anos ¡¡saúde!!
servido por Rodrigo
1 comentario
compártelo
25 Enero 2006
Non gosto do protocolo cando é innecesario. Entendo que con xente descoñecida establece acenos, expresións e comportamentos de referencia que fan máis sinxela a relación; cos amigos non o preciso.
Unha das normas básicas na mesa é non comas coas mans!!. Esto aquí, en Occidente. Tan civilizadiños somos que pinchamos e cortamos a nosa comida con garfo e coitelo. Imáxinate que es un delicado toro de robaliza e veste atacado por armas tan feras. A min estes xeitos parécenme máis de brutos.
Eduardo diría que comendo coas mans estás a aloumiñar a comida; son da súa opinión. Ademáis, como cociñeiro a mellor louvanza que podo ter na mesa é ver como a xente bota a man aos anacos difíciles, á procura das derradeiras faragullas, as máis difíciles pero sabedeiras, aloumiñando a cea que con tanto gusto lles preparei.
servido por Rodrigo
2 comentarios
compártelo